A LENDA E O CONTO.

TRABALLAMOS A LENDA E O CONTO NA AULA: A Lenda elixida é a do Apalpador. Un personaxe que lle gusta moito aos nenos e ás nenas. Realizamos unha ficha sobre esta lenda, escoitamos a canción do Apalpador e vimos o vídeo do conto do Apalpador na aula. Por certo, a canción é moi pegadiza, non si?
O CONTO: Por outra banda, traballamos o conto de tradición oral na aula de informática: A CARREIRA DO SAPO E O RAPOSO. Deste vimos dúas versións diferentes, unha delas en vídeo. Estas foron colgadas na aula virtual. A carreira do Sapo e do Raposo: Ía o raposo e o sapo a ver quen chegaba antes a un punto determinado. O sapo dicía que chegaba el e o raposo dicía que non, qué el era o máis rápido. Entón apostaron e botaron a correr. O sapo enganchóuselle do rabo ao raposo. E corre, corre, corre, corre, corre… chegou o raposo ó punto de destino. E parou, sentou e volveu a mirar para atrás a ver onde estaba o sapo. E non o viu. De súpeto, o sapo tocoulle nas costas e claro, o raposo ficou sorprendido. Resulta que o raposo antes de chegar deuse a volta e quedoulle o rabo xusto no punto de destino. Finalmente, chegou o sapo antes ó punto de destino có raposo. Realizamos varias preguntas en asamblea. Algunhas delas tiñan que ver coa comprensión lectora, mentres que outras axudan ao alumnado a reflexionar sobre certos temas, como por exemplo: a humildade,a xustiza,a mentira, a valentía, a bondade, etc. Algunhas das preguntas foron as seguintes: •É xusto o que pasou neste conto? Por que? Como sabemos o que é xusto ou non? •Sapo e raposo teñen algún parecido ou non? Cal? •Os dous participantes teñen a mesma igualdade de oportunidades? Por que? •Que personaxe credes que actuou mellor? O sapo ou o raposo? Por que? •Que fariades vós no lugar de Sapo? •Que fariades vós no lugar do raposo? •Con quen vos identificades máis co sapo ou co raposo? Por que? •Que foi o que máis vos gustou do sapo? E do raposo? •Que foi o que menos vos gustou do sapo? E do raposo? •Cambiariades o final do conto? Por que? •Aprendiches algo deste conto? O que? •Vemos que existen distintas versións dun mesmo conto. Hai veces que en vez de ser un sapo e un raposo, é un sapo e unha raposa. A que cres que se debe isto? •Este é un conto que pertence a literatura oral galega. Coñecedes algún máis? Cales? En xeral, os/as estudantes reflexionaron acerca deste conto e chegaron á conclusión de que dicir mentiras e facer trampas non está ben nin é nada xusto, xa que para conseguir as nosas metas temos que esforzarnos. Ademais, aprendimos que nos contos de tradición oral hai diferentes versións, xa que son transmitidos oralmente a través das xeracións. Polo tanto, outra das actividades que realizaron foi a de modificar este conto. Unha vez realizado, tiveron que subir dita tarefa á aula virtual do centro educativo.
Un conto de tradición oral que tivo éxito e gustou moito!

No hay comentarios:

Publicar un comentario